Icnitas de Dinosauro
da Península Ibérica

Presentación de IDPI

IDPI, Icnitas de Dinosauro da Península Ibérica, é unha candidatura hispano-portuguesa para que once depósitos de pegadas de dinosauros formen parte do Patrimonio Mundial de UNESCO. Polo tanto, o IDPI é un Ben Transfronteirizo, porque está situado no territorio de dous Estados Partes que comparten fronteira (España e Portugal).

Ademais, o IDPI é un Ben en serie que inclúe partes constitutivas relacionadas pola súa pertenza á mesma provincia bioxeográfica, no que a serie en conxunto, e non necesariamente as súas partes illadas, posúe un valor universal excepcional.

Os depósitos IDPI están situados en varias comunidades autónomas españolas e distritos portugueses: Aragón, Castela e León, Cataluña, Comunidade Valenciana, A Rioxa e Principado de Asturias en España e Santarém e Setúbal en Portugal. Todas elas se caracterizan pola súa ampla riqueza paleontolóxica en xeral e dun modo moi significativo polos depósitos de icnitas de dinosauros. Once destes depósitos teñen especial significancia científica: Pedreira do Galinha, Vale de Meios e Pedra da Mua en Portugal; Tereñes, Fuentesalvo, Las Cerradicas, El Peladillo, Los Cayos, Tambuc e Fumanya en España.

No seu conxunto, os once depósitos da candidatura IDPI representan a extraordinaria e diversa riqueza do rexistro paleoicnolóxico de dinosauros na Península Ibérica (ao redor de 230 depósitos e máis de 22.000 pegadas), mostrando un valor universal excepcional xa que:

  • Representan a sucesión faunística destes vertebrados durante os últimos 100 millóns de anos do Mesozoico, sendo de especial relevancia a nivel mundial por servir como unha enorme ventá para descifrar o cambio de faunas de dinosauros producido entre o Xurásico e o Cretácico, ademais de quedar reflectidos os múltiples modos de vida e ambientes nos que viviron os dinosauros.
  • Ademais, vese reforzado pola abundante presenza de restos directos (ósos e dentes) e doutros restos indirectos de vertebrados de idades correlacionables coas propias pegadas e cuxa análise é consistente coa tipoloxía xeral das icnitas como en ningún outro lugar do mundo.
  • A ampla diversidade icnolóxica da Península Ibérica e a súa relación cos restos directos existentes nela permiten reconstruír a evolución dos dinosauros dende o Xurásico Medio ata o Cretácico Superior, así como establecer hipóteses sobre a súa dispersión e formas de vida nunha área moi restrinxida, delimitada por unha única placa tectónica, a "Placa Ibérica", que dende a fragmentación do supercontinente Panxea actuou como illa ou como ponte intercomunicadora das diferentes faunas existentes nas grandes masas continentais circundantes.


Icono de conformidad con el Nivel Doble-A del W3C-WAI. Se abre en ventana nueva Titulares RSS disponibles

© Ministerio de Cultura