Icnitas de Dinosauro
da Península Ibérica

Dominios xeolóxicos dos depósitos IDPI Evolución

As pegadas na Península Ibérica e o seu ámbito xeolóxico e xeográfico (Dominios Xeolóxicos)


As pegadas de dinosauro da Península Ibérica poden encadrarse en diferentes dominios ou lugares xeolóxico/xeográficos que nos axudan a comprender os eventos xeolóxicos que levaron a configurar ámbitos ecolóxicos determinados nos que viviron as diferentes asociacións faunísticas de dinosauros. Todo iso fai do IDPI un megalaboratorio para avanzar no coñecemento da distribución das faunas de dinosauros, en relación aos seus nichos ecolóxicos, en Panxea e no oeste de Laurasia. Ademais, pódense establecer os múltiples modos de vida e comportamentos dos dinosauros.

No caso das pegadas de dinosauro da Península Ibérica recoñécense tres áreas moi representativas tanto dos ambientes onde se formaron os depósitos como das distintas épocas nas que viviron. Estas áreas teñen un contexto xeolóxico propio dentro da tectónica de placas que afectou Iberia durante parte do Mesozoico:

A COSTA DOS DINOSAUROS, representada por depósitos do Xurásico Medio e Superior de Portugal e do noroeste de España, formados durante a expansión do Proto-Atlántico.

Da análise xeral das pegadas e ósos descritos nos afloramentos xurásicos da Península Ibérica establécese que durante esa época abundaban os grandes saurópodos, como os eusaurópodos, diplodócidos e titanosauriformes basais. Xeralmente, as súas pegadas relaciónanse con outras de terópodos de diferentes talles: carnosauros, espinosáuridos, ceratosáuridos e manirraptores. Entre os tireóforos destacan os estegosauros e anquilosauros.

Esta asociación de fósiles de dinosauros, reflectida na Península Ibérica, reproduce perfectamente os diferentes grupos de dinosauros presentes no Xurásico Medio-Superior a nivel mundial.

Para representar este dominio xeolóxico e tras diversas valoracións patrimoniais dende o punto de vista científico seleccionáronse os seguintes depósitos:

No Xurásico Medio:

  • Pedreira do Galinha (Bajociense-Bathoniense), con rastros anchos de saurópodos.
  • Vale de Meios, con miles de pegadas terópodas grandes de carnosauros e algún rastro saurópodo.

No Xurásico Superior:

  • Pedra de Mua, con varios rastros anchos e estreitos de saurópodos e algún terópodo grande.
  • Tereñes, con ornitópodos, terópodos, saurópodos e estegosáuridos.

UN MUNDO CAMBIANTE, representado por depósitos orixinados no chamado Estreito ou Suco de Soria, en períodos que abranguen dende o límite Xurásico-Cretácico, pasando por diferentes idades do Cretácico Inferior, ata parte do Cretácico Superior de España.

Neste dominio os restos directos e indirectos móstrannos o cambio de faunas producido entre as faunas típicas do Xurásico Superior (abundancia de saurópodos) e as faunas do Cretácico Inferior (abundancia de ornitópodos). No Cretácico Inferior proseguen as faunas de saurópodos titanosauriformes e, en menor medida, os diplodócidos, como os rebaquisáuridos. Pásase paulatinamente de ornitópodos basais, como camptosáuridos e driosáuridos, ao predominio de iguanodóntidos e hipsilofodóntidos.

Se consideramos só os restos indirectos, indícannos que as pegadas terópodas son as dominantes, aínda que os restos directos mostran o contrario. Este desequilibrio entre ósos e pegadas intentouse relacionar coa favorable fosilización -ou non- duns restos respecto a outros en diferentes ecosistemas. Os tireóforos, aínda que presentes, estarían limitados a áreas moi restrinxidas.

Este dominio xeolóxico da Península Ibérica é un dos mellores lugares do mundo onde, en poucos quilómetros, se pode constatar perfectamente a través das icnitas o cambio de faunas de dinosauros que se produciu a nivel mundial entre o Xurásico e o Cretácico.

Unha vez valorados metodoloxicamente os depósitos do dominio, considérase que os máis representativos dende o punto de vista científico, tanto pola súa idade como polo que representan respecto á sucesión faunística dos dinosauros, son:

No tránsito Xurásico-Cretácico (Titónico-Berriasiense):

  • Las Cerradicas, con rastros de ornitópodos cuadrúpedes pequenos e con rastros anchos de pequenos saurópodos. Ademais, preséntanse terópodos pequenos.
  • Fuentesalvo, con múltiples rastros de icnitas tridáctilas terópodas.

No Cretácico Inferior (Hauteriviense-Barremiense):

  • Costalomo, con terópodos pequenos e grandes, terópodos avianos, ornitópodos cuadrúpedes grandes e saurópodos.

No Cretácico Inferior (Aptiense):

  • El Peladillo, con miles de pegadas: terópodas grandes e pequenas, ornitópodas grandes e pequenas e saurópodas.
  • Los Cayos, con pegadas terópodas grandes e pequenas e ornitópodas.

No Cretácico Superior (Santoniense-Campaniense):

  • Tambuc, con pegadas de terópodo/ornitópodo medianas.

O FINAL DUNHA ERA, é o dominio dos depósitos que se concentran no Pireneo español. Estes depósitos formáronse nas concas mesozoicas presentes durante o “peche” da unión entre o Atlántico e o Mar de Tethys, ao inicio da Oroxenia Alpina.

Durante o Cretácico Superior, a representación dos saurópodos limítase á presenza de titanosáuridos e, entre os ornitópodos, á abundancia de hadrosáuridos. Entre os terópodos, predominaron os de talle medio e pequeno.

Unha vez valorados metodoloxicamente os depósitos deste dominio, considérase que o máis representativos é:

No Cretácico Superior (Maastrichtiense):

  • Fumanya, con miles de pegadas saurópodas anchas e algunhas pegadas terópodas grandes.

Icono de conformidad con el Nivel Doble-A del W3C-WAI. Se abre en ventana nueva Titulares RSS disponibles

© Ministerio de Educación, Cultura e Deporte